05/02/17

LITERATURA POPULAR: AS LENDAS

En 2º de ESO traballamos a literatura popular, e os contos e as lendas en particular. A seguir, tres lendas creadas polo alumnado.

POR QUE O CARACOL TEN CUNCHA? Autor: Víctor  Rodríguez Cabaleiro


Caracol, cascarolo, cosco
No principio dos tempos, cando os animais falaban, os caracois eran uns animais brandos, húmidos e sen cuncha. Gustáballes saír os días de choiva e sentir a auga caer sobre o seu corpo. 

Unha tarde desatouse unha grande treboada e choveu e choveu sen parar. Durante o día os caracois estaban moi contentos gozando da chuvia, mais, ao chegar a noite, estaban tan húmidos e había tanta auga no chan que non podían durmir e non atopaban un lugar onde gardarse. Un deles atopou unha cunha de noz e cubriuse con ela, alí estaba protexido e seco.

Dende aquel día, cando sentía chover saía coa cuncha. Se quería durmir gardábase dentro dela. O resto dos caracois empezaron a buscar cunchas de noz, restos de árbores, follas duras, cunchas de animais mortos e convertéronse en partes do seu corpo, para estaren sempre protexidos da chuvia, do frío e doutros animais que puidesen atacalos.

POR QUE A XOANIÑA TEN SETE PUNTOS NEGROS? Autora: Candela Fernández López

Xoaniña, reirrei, costureira
Un día coma outro calquera, a xoaniña saíu do seu agocho e contemplou a paisaxe. Ante ela atopábanse múltiples mobles repletos de libros, fotografías,...De repente, unha gota negra caeu sobre o seu vermello corpo. A xoaniña mirou cara arriba e viu un ser enorme, enorme, enorme, que se frustaba e movía o brazo rapidamente facendo áxiles movementos. A xoaniña só viu ao misterioso ser, mais non soubo de onde viña a pinga.

Ao día seguinte, outra pinga volveu caer no seu vermello corpo. Xa tiña dous puntiños, que, á medida que pasaban os días, se converteron en tres, en catro, en cinco, en seis e en sete. Ata que o día oito, a xoaniña correu  ata a outra punta do cuarto e puido ver como aquela criatura enorme era un pobre home que, ao non atopar ideas para a súa novela, facía un movemento veloz coa súa pluma facendo que caeran as gotas negras que a xoaniña tiña.

Como as pingas permanecían sobre o seu corpo, a xoaniña deu por acostumarse. As demais xoaniñas preguntáronlle onde mercara o seu novo traxe e ela só se limitou a poñer as súas compañeiras debaixo da mesa para que as gotas caeran tamén  sobre os seus corpos. 

Foi entón cando as xoaniñas comezaron a ter sete puntiños vermellos na súa vestimenta.

POR QUE O LOBO LLE OUVEA A LÚA? Autor: Javier Fernández Pérez

Ouvear, oulear.
Era unha noite estrelada e de lúa chea cando o lobo entrou nunha guerra campal coa lúa para saber quen mandaba nos montes.

A lúa co seu luar marcaba esplendor mentres que o lobo co seu agudo, forte e temido ouveo demostraba ser o rei. Os animais foron que decidiron quen gañaba e todos optaron polo lobo, menos unha minoría que ían de parte da lúa.

Entón, desde aquela,  os día de plenilunio os lobos ouvéanlle a lúa de noite , para que esta se lembre de que eles son os que mandan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario